Resumo da historia das ensinanzas náuticas na Coruña

O Ensino Náutico ten unha gran tradición en España e, en particular, en Galicia. Considérase que a institución docente española de Estudos Náuticos máis antiga é o Colexio de Pilotos Biscaíños de Cádiz fundado a finais do século XV, mentres que as orixes destes ensinos na Coruña hai que buscalos no século XVI. O 23 de outubro de 1549 o Concello da Coruña, por orde do rei Felipe II, acordou crear unha Cátedra de “Gramática e Estudos do Mar”. Esta primeira Escola de Náutica estivo situada no lugar de San Roque de Fóra próxima ao actual emprazamento, en cuxa zona vivía boa parte da poboación mariñeira da cidade.

Unha Real Cédula de 1606 marca o comezo da preocupación da Coroa por establecer de forma racional uns estudos de Náutica, e en 1621, por Real Cédula de Felipe III, créase na Coruña un Colexio de Pilotaxe e Mariñeiría co nome de Seminario de Raparigos do Mar, instalándose na Casa da Moeda, e dispondo que o seu sostemento correse a cargo da cidade. Subsiste hoxe, aínda, a fachada daquel caserón situado xunto á Igrexa conventual dos Pais Dominicos. En 1625 o Capitán xeral de Galicia, Marqués de Cerralbo , dispón que as clases pasen a impartirse no Hospital de San Andrés, pertencente ao Gremio de Mareantes.

 

Carlos III, gran propulsor das Ciencias e as Artes, ordena a creación dos Consulados de Mar e Terra, autorizando o 29 de novembro de 1785 o establecemento do Consulado do Mar na Coruña, coa obriga de crear unha Escola de Pilotaxe e Mariñeiría, cuxo plan de estudos debería ser referendado pola Coroa. Así o 29 de agosto de 1788 a Xunta de Comercio crea a Escola de Navegación, refundíndoa co Seminario de Raparigos do Mar, instalándose no edificio onde hoxe está situada a Sub-delegación do Goberno. Experimentando un notable incremento o número de alumnos que estudaban ensinos náuticos, non só da Coruña senón de toda Galicia, o Real Consulado do Mar amplíaas e dótaa de edificio propio, na rúa Panaderas (hoxe edificio do museo Provincial de Belas Artes), pasando a denominarse Real Academia de Navegación. O 20 de setembro de 1850, a Academia pasa a depender do Reitorado de Santiago de Compostela, constituíndo unha Facultade máis daquela Universidade.

O 24 de Marzo  de 1851, o Estado dispón a fusión dos estudos de Náutica cos de Comercio. En 1860 incorpóranse desgraciadamente ao Instituto de Ensinanza Secundaria, pero o 13 de Novembro  de 1861 volven a independizarse e, co nome de Escola de Náutica, impártense estudos non só de Navegación senón tamén de Pesca e Mecánica Naval. Esta situación finaliza o 30 de Setembro de 1869, na que inexplicablemente estes Centros son suprimidos en España.

O restablecemento dos estudos de Náutica na Coruña débese á xestión da Deputación Provincial, conseguíndose en abril  de 1870 e anexionándose novamente ao Instituto de Ensinanza Secundaria. Por Decreto de 16 de Setembro de 1913, disponse de novo a independencia destes Centros e, coa denominación de Instituto Náutico, restablécense estes ensinos na Coruña con carácter oficial.

Por Decreto de 28 de maio de 1915 ten lugar unha importante reorganización dos Estudos de Náutica, en cuxo plan de estudos xunto aos ensinos conducentes á obtención do título de Piloto, establécense por primeira vez os ensinos conducentes á obtención do título de Maquinista Naval (cumpre sinalar que o primeiro barco español de propulsión a vapor, o “San Fernando”, efectuou a súa primeira viaxe en xullo de 1817 e que, aínda que desde 1877 existía un Regulamento para a realización de exames conducentes á obtención do título de Maquinista, non existían centros oficiais de preparación previa, nin plan de estudos).

Con todo, e pese ao elevado número de alumnos que se formaban na escola da Coruña, por Decreto Lei de xuño de 1924, suprímese a Escola de Náutica na nosa cidade, frustrando así as vocacións mariñeiras de moitos mozos.

Pasados vinte e tres anos, o Concello da Coruña, recollendo o sentir da cidade, xestiona ante o Goberno da Nación a re-instauración dos estudos de Náutica, o que se plasma en feliz realidade mediante a Lei de 27 de decembro de 1947, pola que se crea a “Escola Oficial de Náutica e Máquinas” da Coruña e constitúese a Comisión Xestora encargada da organización e inicio das súas actividades. Esta comisión estaba presidida polo Excmo. Sr. D. Anxo Suances Piñeiro, Contraalmirante da Armada.  Inicialmente instálase a Escola no edificio do Instituto da Praza de Pontevedra, pasando ese mesmo ano 1948 a compartir edificio coa Escola de Maxisterio, sita na rúa Herrerías, na Cidade Vella.

O 16 de setembro de 1956, baixo a presidencia do ditador Franco, tivo lugar a solemne inauguración do actual edificio, aínda en obras; pero non sería ata o 3 de setembro de 1959 cando se celebra o primeiro Claustro de profesores no seu Salón de Actos, sendo director o profesor D. José María Arana Amézaga.

A Lei 144/1961, de 23 de decembro, sobre Reorganización dos Ensinos Náuticos e de Pesca, cualifica aos ensinos cursados nas Escolas Oficiais de Náutica e Máquinas (que pasan a denominarse Escolas Oficiais de Náutica), dependentes do Ministerio de Comercio como Ensinos Técnicos de Grao Medio, enmarcándoas, por tanto, no ámbito educativo xeneral da nación regulado entón por Lei de 20 de xullo de 1957. Esta cualificación académica de EE. TT. de Grao Medio refírese aos ensinos conducentes á obtención dos títulos de Piloto e de Ofi

cial de Máquinas da Mariña Mercante. As titulacións profesionais de Capitán e de Maquinista Naval Xefe non obterían a correspondente cualificación académica superior ata o ano 1975.

O Decreto 1439/75 de 26 de xuño da Presidencia de Goberno, sobre Cualificación dos ensinos da carreira de Náutica, establece que o Ensino Náutico Superior terá o nivel que corresponde ao segundo ciclo do Ensino Universitario, entendendo por Ensino Náutico Superior o cursado nas Escolas Oficiais de Náutica para a formación completa de Capitán da Mariña Mercante (título profesional existente oficialmente desde 1890), Maquinista Naval Xefe (título profesionalmente creado en 1963), así como de Oficial de Primeira Clase do Servizo Radioeléctrico da Mariña Mercante, mentres que cualifica co nivel de Escola Universitaria os estudos cursados para a formación completa de Piloto de segunda clase, Oficiais de Máquinas de segunda clase e Oficiais de segunda clase do Servizo Radioeléctrico da Mariña Mercante. Os plans de estudo apróbanse por Orde de 18 de outubro de 1977. Con anterioridade a esta data as titulacións obtidas ao finalizar os estudos nas Escolas de Náutica eran titulacións profesionais con efectos académicos. A partir desta nova cualificación dos ensinos, sepáranse as titulacións académicas das titulacións profesionais de Mariña Mercante. A expedición das titulacións académicas  corresponde ao Ministerio de Educación / Universidades. mentres que os títulos profesionais expídeos o Ministerio de Transportes e Comunicacións actualmente Ministerio de Fomento).

Por Real Decreto 2841/1980 de 4 de decembro (BOE de 5 de xaneiro de 1981) as Escolas Oficiais de Náutica, dependentes do Ministerio de Transportes e Comunicacións, pasan a denominarse Escolas Superiores da Mariña Civil, ao mesmo tempo que se establecen as titulacións académicas de Diplomado da Mariña Civil e Licenciado da Mariña Civil nas seccións de Náutica, Máquinas Navais e Radioelectrónica Naval. Ademais regúlase o acceso ao terceiro ciclo destas ensinanzas. Neste mesmo Real Decreto establécense tamén as novas denominacións dos títulos profesionais de Mariña Mercante.

O referido Real Decreto 1439 de Xuño de 1975, sobre cualificación dos ensinos da carreira de Náutica, e posteriores Reais D

ecretos citados, establecen o pleno nivel universitario, dos seus distintos ciclos, das devanditas Ensinanzas Náuticas, inda que a integración real na Universidade, tanto das ensinanzas  como dos Centros que as imparten, só se produce a partir do ano 1988. En concreto: os Reais Decretos 1522/1988 e 1460/1989, respectivamente, integran os Ensinos Superiores da Mariña Civil na Universidade e traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servizos do Estado en materia dos devanditos ensinos mentres que por Decreto 8/1990 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Escola Superior da Mariña Civil intégrase na recentemente creada Universidade da Coruña.

No ano 1992 establécense os actuais títulos universitarios oficiais de Diplomado en Máquinas Navais, Diplomado en Navegación Marítima, Licenciado en Máquinas Navais e Licenciado en Náutica e Transporte Marítimo, mediante Reais Decretos 924, 925, 917 e 918 respectivamente, e apróbanse as directrices xerais propias conducentes á obtención dos mesmos. Os Plans de Estudo, conducentes á obtención das devanditas titulacións, foron aprobados por Resolucións Ministeriais de 9 de Maio de 1996 (BOE de 11 de Xuño) e de 24 de Xaneiro de 1997 (BOE de 27 de Febreiro) para as diplomaturas e licenciaturas respectivamente.

Por Decreto 235/2004 de 23 de Setembro (DOG de 4 de Outubro) a Escola cambia de denominación, pasando a denominarse Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas e que é o seu nome actual.