Benvida

En nome do persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e dos estudantes compráceme darvos a benvida á nova web da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da Universidade da Coruña , onde poderedes atopar información sobre as titulacións profesionais que impartimos, cursos STCW (International Convention on Standards of Training, Certification and Watchkeeping) e outras actividades. Esta Escola, cuxos orixes se remontan ao século XVI, é o único centro do Sistema Universitario de Galicia que ofrece formación en mariña civil (Oficiais de Ponte e Oficiais de Máquinas).

Na actualidade neste Centro pódense cursar:

  • Grao en Náutica e Transporte Marítimo que conta con dúas especialidades: “Operación Náutica do Buque” que permite acceder ao exercicio profesional de Piloto da Mariña Mercante e “Xestión e Administración Marítima” orientado a empresas do sector náutico e portuario e á Administración marítima.
  • Grao en Tecnoloxías Mariñas que tamén conta con dúas especialidades: “Enerxía e Propulsión” que permite acceder ao exercicio profesional de Oficial de Máquinas da Mariña Mercante (Marine Engineer) e “Oficial Electrotécnico” para exercer como Oficial Electrotécnico a bordo dos buques mercantes.
  • Mestrado Universitario en Náutica e Transporte Marítimo que dá acceso aos graduados en Náutica e Transporte Marítimo (mención Operación Náutica do Buque) ao exercicio de Capitán da Mariña Mercante unha vez que se completen os períodos de embarque segundo se estipula no RD 973/2009.
  • Mestrado Universitario en Enxeñaría Mariña que dá acceso aos graduados en Tecnoloxías Mariñas (mención Enerxía e Propulsión) ao exercicio de Xefe de Máquinas da Mariña Mercante unha vez que se completen os períodos de embarque segundo o RD 973/2009.

O obxectivo principal da ETSNM é a formación de profesionais altamente cualificados nos ámbitos mencionados, proporcionando unha sólida formación cultural, científica e tecnolóxica co fin de adquirir os coñecementos teóricos e prácticos do ámbito marítimo e tamén do industrial, administrativo e investigador. Para cumprir con este obxectivo a ETSNM conta cun profesorado altamente cualificado, a maioría con experiencia profesional en todo tipo de buques da Mariña Mercante e outros sectores marítimos. Ademais, a través dos convenios de colaboración os estudantes poden completar a súa formación mediante prácticas en empresas, institucións do sector e en buques da mariña mercante. Tamén cabe destacar os convenios de intercambio asinados con outros centros universitarios españois e estranxeiros onde os alumnos poden realizar parte dos seus estudos.

Convídovos a navegar por esta nova páxina web para coñecer a nosa ETSNM e agradezo calquera suxestión ou comentario de mellora.

Reciban un cordial saúdo do equipo directivo, profesores e persoal de administración e servizos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas.

Capt. Felipe Louzán Lago