NOVO SIMULADOR DE CARGAS LÍQUIDAS

A ETS de Náutica e Máquinas adquire un novo Simulador de Cargas Líquidas da casa KONGSBERG que cumpre cos requirimentos de formación de acordo ao Convenio STCW 2010 e as súas emendas e as seccións do Código STCW: A-V/1-1-1, A-V/1-1-2, A-V/1-1-3, A-V/1-2-1 e A-V/1-2-2. O simulador está certificado polo DNV-GL e está composto por:

  • 1 Estación de Instrutor
  • 7 Estacións de alumno para buque petroleiro
  • 7 Estacións de alumno para buque tanque quimiqueiro
  • 7 Estacións de alumno para buque tanque LPG
  • 7 Estacións de alumno para buque tanque LNG de membrana

O simulador dispón dos seguintes modelos de buques:

  • Un petroleiro tipo Suezmax de 152.000 TPM con 12 tanques de carga, 2 tanques de slops e 9 tanques de lastre separado.
  • Un quimiqueiro de dobre casco de 37.000 TPM deseñado para transportar produtos químicos en buques tipos 2 e 3 de acordo ao Código IBC e equipado con 37 tanques de carga provistos de bombas de pozo profundo e liñas de carga/descarga e manifolds separados.
  • Un buque LPG de 8.200 metros cúbicos de capacidade deseñado para transportar gases licuados de petróleo, amoníaco, etileno e outras sustancias nocivas e cunha temperatura mínima de -104ºC e unha presión máxima de 4,5 bar G. Dispón de 3 tanques independentes IMO tipo C de construción bi-lobular divididos por un mamparo lonxitudinal en dúas metades e conectados cunha líñaa de balance pola parte superior.
  • Un LNG de 143.725 metros cúbicos de capacidade ao 98,5% a -163ºC en 4 tanques de membrana tipo GTT.

Cada modelo de buque dispón do seu correspondente instrumento de carga (load calculator) coa disposición xeral dos tanques de carga, lastre e consumibles que permite o cálculo de calados, esforzos e estabilidade. Ademais, dispón de CCTV (Close Circuit TV) con visualización 3D da zona de cuberta e os manifolds de carga.